Conxunta Caminhantes-Nómadas e viceversa

Quedabamos na "Amaquía", lugar de xuntanza Caminhante e doutras identidades sendeiristas noutrora; había tempo que non "acampaba" para un pequeno almorzo "antes de" nun lugar idóneo no alto de Puxeiros para as saídas que enfían ata Porriño, Salvaterra, Salceda, Tui, Ourense, Portugal e demáis destinos en canto a pateadas  máis ou  menos lonxe... Non deixei de lembrar con agarimo que a derradeira vez que saín polos Montes de Vigo lucindo camiseta Caminhante, unha compañeira e máis eu fixemos parada de rigor en ruta automovilística de camiño ao punto de encontro; a nostalxia quixo que parásemos a facer retrospección e tomar un café nun lugar que fora xuntanza d@s Caminhantes en pleno Berbés, "As Almas Perdidas", e me dixen mentres nos sentabamos nesas cadeiras cheiñas de anécdotas e historias dos camiños que son cousas da vidiña..., hoxe aquí, mañán acolá..., lugares que nos unen e identifican, que falan de tempos pasados e presentes, de continuidades prósperas e de vínculos que se adaptan e aproximan nun significado común que segue a darnos vida pola que ben vale o esforzo de levantarse ben cediño nun sábado con ou sen alerta climatolóxica.


O caso é que tanto Caminhantes coma Nómadas anulamos respectivas saídas que coincidían no día e resolvemos facer unha xuntanza máis asequible dadolos pronósticos climáticos. Nunca fixemos moito caso do tempo que anuncian, máis ben nos sumamos á premisa de que sempre saímos, caia vento ou marea; desta vez caía chuvia e non de caiado precisamente senón que realmente dificultaría calquera das dúas actividades propostas, e a nosa evolución, afortunadamente, non está pola labor de sufrir ou de demostracións de poderíos insensatos senón de disfrutar dun compartir común. Este mesmo día enterámonos que Congostra, outro grupo da family e fórmula camiñante selecta, viraba rumbo á liberdade pola Lama en troques dunha saída por Sistelo que sen dúbida agarda por tempos mellores para as e os camiñantes que saben de suores compartidas.
Así que resolvemos facer unha conxunta, xa que había pouco aforo debido ao mal tempo e seriamos os que fomos por tan inesperada viraxe dos respectivos plans iniciáis, pois foi apenas dous días antes da saída cando xurdiu a oportunidade de favorecer unha pateada compartida entre dous colectivos que veñen sendo familia. Unha saída "pertiño da casa", que non fora dificultosa, que fose levadeira segundo os pronósticos climatolóxicos aínda sabendo que pola mañá chovería e que pola tarde se levantaría vento anunciando baixadas de temperatura e neves vindeiras, como así foi a cousa neste día.
 
Once camiñantes das cales nove delas veñen sendo mulleriñas feitas e dereitas, e xunto coas amazonas do camiño dous homes dun calibre que vale por sete homes máis. Coma sempre que hai saída..., bó numero!
 
Pensabamos facer unha circular con saída e chegada nas arredores de Tui pero a xornada quedou clara dende ben cedo, aquí e hoxe non habería máis expectativa que o ben grupal nas súas necesidades segundo se fosen camiñando... Xa foi unha cousa ben grande coma preludio que o guía decidise que chegad@s ao alto do Monte Aloia nos esperaría un caldiño ben quente; iso xunto a tantos días previos chovendo e ventiscando, á hospitalidade do lugar que nos recibiría coa estufa a pleno rendemento e ata ofrecendo camisetas secas e limpiñas para quen as precisara, veu sendo reforzo máis que suficiente coma para saber que aquí se quedaba a camiñata de mañanciña chuviosa e fermosa, ben cundida para un grupiño que sabe e gusta das flexibilidades varias nunha vontade colectiva na estima.
A subida o Aloia!..., fermosos momentos que se prestaron a diferentes excesos naturáis, espertos e cunha atención aberta para cada situación que se ía presentando nesta chuviosa xornada. Lembrei a derradeira vez que subín ao Aloia vía Galiñeiro nunha xuntanza eólica, o día era espléndido e soleado, multitudinario en canto a camiñantes que defenden unha causa para cada quen particular, e común en canto a amor polos entornos naturáis. Nesta conxunta de hoxe avanzabamos dun xeito unido en modus grupal por sendas xa pateadas, e tamén diferentes no mesmo entorno. Acudiu tamén á lembranza unha saída Nómada na que caía chuvia coma neste día, e tamén rematamos comendo no Aloia a bo resgardo e quentiñ@s afiliad@s ás complicidades e particularidades que se dan ao longo dunha xornada no camiño.
Nesta ocasión todo voltaba a ser único, transitando camiños coñecidos xunto co agasallo dun ascenso que descoñecía, preciosísimo e recompensante ao compás de augas que baixaban potentes, frías e cantarinas, con subida pétrea na que cada argana de herba tiña presenza, cada folla de cada árbore, a humidade das néboas tornándose materia no ambiente, e a terra que segue amosando a maxia condensanda no valía de quenes afrontan un ascenso que xa está no seu transcurrir ao longo do camiño.
Con qué me quedo?.. Quedo coa xente que se permite e permite, coas experiencias únicas e novidosas aínda que repitas entorno. Quédome coa crecida das augas, coas respiracións conxuntas e en solitario, cos paraugas glamourosos, coas conversas e os silencios entre pasos no camiño, coas confidencias exhaladas en natura; quédome coas abafadas das roupas de augas, coa incomodidade levadeira de vestir polainas, coas humidades consoladas, cos cansanzos revestidos de aguante andarín fervoroso, de forza, de orgullo e de vontade camiñante...

Impacto cromático dos reforzantes verdes que falan de ledicias frescas trala chuvia que pasará... Raios dun tímido e frío sol vindeiro que anticipa neste sábado o agasallo de tales froitos; porque hoxe pateamos entre augas anegadas de acollemento camiñante baixolo beneplácito das vaquiñas e das crías ao noso paso, e das nosas botas pisando terra e auga. Quédome coas paradas de rigor afectivo que simbolizan compañeirismo paciente e vinculante, e cos códigos que non están escritos e son implícitos, reflectados en conductas explícitas que non teñen denominación concreta porque xurden espléndidas e naturáis na espontaneidade dos pasos que marcan pegadas que fican, presentes no camiño.

Ascenso, ascenso, ascenso, Aloia! Magnífica hospitalidade, agarimo montañeiro, calor que recibe ás humidades camiñantes, alimento quente que promove conversas tranquilas, permisividades que se aprenden consentidas, tempo de lecer dende a pausa dos corpiños e dende unha actividade lúdica e de recompensa ben merecida ao agarimo das confianzas a conta do camiño, o noso vínculo, o que nos mantén nesta vontade que nos identifica construindo pontes verdes nun día de alerta laranxa, ou amarela...
Os cabaleiros camiñantes foron quenes de resolver ir buscalos coches a través duns amables comensales do Monte Aloia, as mulleres ficamos esperando confiadas o seu regreso neste noso mundo variopinto de creatividades varias desenvolvendo estima.
Houbo camiñantes convertid@s en paxuriñ@s que elixiron voar ata o seus niños, e houbo tamén andaríns golos@s que farían unha penúltima parada en Valença a partilhar e petiscar pastelinhos portugueses antes de regresar ás respectivas covas.

Crónica que remata co agradecemento aos encontros con bondade e con vontade. Esta Caminhante-Nómada e viceversa celebra coma unha meniña os compartires afíns que se respectan e consideran mutuamente coa conciencia de que somos privilexiad@s do camiño. Moitas grazas pola expresión e confianza das vosas presenzas no camiño pateando montes, montañas, fragas e ríos, que non nos falten!, porque deles aprendemos saída a saída daquilo que coma persoas, nos dignifica.

Polas boas vivenzas e compartires que nos nutren e que imos "facendo" ao longo deste noso andar polo camiño da vida, compañeir@s e amig@s.

Con afecto,

S., febreiro 016







No hay comentarios:

Publicar un comentario