POLO RÍO XABRIÑA CON NÓMADAS. 25 de xullo de 2015

https://picasaweb.google.com/115695660064038227263/PoloRioXabrina25DeXulloDe201503?authkey=Gv1sRgCPmy59atgt3wjQE


Esperabamos unha ruta fácil e o pronóstico cumpríuse, aínda que a duración andaba polas seis ou sete horas e empregamos dez; non houbo dificultades, non houbo problemas, pero déusenos por ir aos poucos, con pausas e sobre todo disfrutando... de todo, do camiño, da sombra, do río, das charlas, das anécdotas do día. Foi unha ruta ben vivida, de moito proveito persoal, inesquecible.

Saímos de Paraños co plan de facer a "ruta ao revés" do sentido habitual, o sinalado no plano, e cundíu facelo así. Comezamos a sesión de fotos coas ovellas coma primeira vista bucólica e ao pouco xa estabamos metidos na frondosidade da beira do río que iría acompañarnos durante toda a xornada, ofrecéndonos unha paisaxe sombría propia de fadas, os musgos nas pedras troncos e polas; os raios de sol que iluminaban as follas das árbores, as pociñas, os cabaliños do demo, ...

Ademais da paisaxe natural da ruta, durante toda a xornada fomos atopando un amplísimo catálogo de elementos etnográficos que nos transportaron ás expresións máis antergas das creencias e da relación dos grupos humanos co medio: as cruces e cruceiros, entre os que destaca o de Paraños, hórreos, petos de ánimas, pontes e pontellas, fontes, lavadoiros, muíños e levadas, capelas, lagar de cera, ....

O grupo, reducido, camiñou placidamente na intimidade da ruta deixándose nas conversas de a dous que permiten os sendeiros e no transcorrer do tempo os kilómetros ían suaves, lentos, plácidos,... Na Lamosa fixemos unha primeira parada con 5,5 km avanzados en casi dúas horas de pasos: cañas, conversas, tapa de xamón... e casi quedamos alí a comer, ... menos mal que a sensatez empuxou a retomar a ruta con algo máis de intensidade.

Capela de San Miguel de Corzós, con fonte de 1957, con incisións do VICTOR e peto de ánimas con figura de azulexos de San Miguel triunfando sobre un arrepiante demo ao que ten sometido co pé, atado cunha corda ao pescozo; no lugar, dúas nómadas de pro, compararon as súas cores da pel, con foto, unha branca-branquiña e outra ben moura, e despois subiriamos ao montiño da Bouza que lucía bandeira galega, moi propia do día, con vistas ao val do Xabriña.

De baixada, fixemos a comida nun cruce de camiños, á sombra e a unha hora merecida, con conversas amenas entre as que habería que salientar unha historia ben contada sobre unha muller que se relacionaba á vez con seis homes e tiña un de reposto por si fallaba algún; unha "moraleja" sobre a previsión das mulleres, que podería estar incluida no Decameron.

Despois da comida fixemos outra paradiña na igrexa de Santiago de Prado da Canda, con cemiterio polo arredor e coas cordas das campás ben accesibles. Alí, outra nómada de pro, experta no campo musical, quixo probar as súas habilidades e dar un toquiño só, con prolongación do son e .... ao instante presentáronse dous veciños para ver que pasaba, xa que acaban de escoitar un toque a morta; é dicir, a musicóloga sen sabelo viña de anunciar a morte dunha muller da parroquia. Comezaron as queixas dos nativos: como fas iso, non ves que só somos cincuenta, que hoxe estamos de festa, que ese toque de campá é de que morreu unha veciña e si xa somos poucos coma para que pase algo nun día de festa...: ao carallo coa festa!, todo preparado.... imos facer unha chourizada... e un morto na parroquia... iso non se fai rapaza... E comezaron as mil disculpas da campaneira en funcións, descoñecedora da linguaxe dos sons das campás. E despois do breve enfado dos veciños comezou unha relaxada conversa con clase maxistral sobre os códigos dos sons; o grupo nómada sentouse no banco de pedra ao pé da igrexa e o veciño contou como se moven as cordas e como soan as campás, a grande e a pequena, para comunicar mortes de home, de muller, de lume, de festa, de aviso de misa, etc. etc. E ensimismados seguimos a lección con convite incluído á chourizada e á festa. Pero había que seguir camiño.

E despois seguimos outra vez polas sombras do río, polas levadas, polas pontes, polos conxuntos de muíños, algúns con moitas rodas de moer como o "das brasileiras", e a tardiña empezaba a notarse por novos terreos das fadas; pozas fresquiñas que só disfrutaron algunha xanas mentras outras facían saúdos ao sol.

O tramo final habería de darnos outra agradable sorpresa da xornada. Preto da ponte do Roupeiro hai unha pequena área recreativa pegada ao río, ao lado dun muíño; alí había ambiente de celebración, globos brancos e rosas, cestas con flores, gaiolas,... e un grupo de mozas sentadas arredor dunha mesa chea de detalles, nun ambiente sereno, de sorrisos, harmónico. Os dous grupos saúdanse e os nómadas preguntan que se celebra e a resposta é unha despedida de solteira, e aí comeza unha charla divertida; o grupo nómada ofrece un "boy" de primeira liña internacional que podería quitar mochila e camiseta para agasallar á noiva cun espectáculo campestre. E comezou a festa, a música saía dun coche da comitiva e os bailes foron protagonistas; a moza que ía casar mostrou toda a simpatía e cordialidade ao igual que o seu grupo; os encontros inesperados cordiais con boa xente agradécense sempre, e neste caso a súa singularidade e humanidade vainos quedar no recordo desta ruta ao revés do Xabriña.

O remate en Paraños cheo de monumentos, a igrexa, o cemiterio, o pombal, o lagar de cera e o magnífico cruceiro, con peto de ánimas esculpido en granito e cheo de símbolos por todos os costados.

O epílogo na cea que fixemos no asador-tapería La Pradera, onde volvimos encontrar a amabilidade na muller que nos atendía e onde prolongamos os comentarios de excelente xornada: tranquila, repousada, chea de historias, con toques de campás, con vodas á vista, con cea deliciosa, con conversa amigable sen control de tempo... unha xornada memorable para a ruta do Xabriña.

Estas experiencias só son posibles polas persoas que dan os pasos coa disposición aberta ao encontro coa natureza, coas xentes dos lugares e as súas obras e coa convivencia cos compañeiros de ruta: o guía entregado, a permanente catalizadora, a vitalidade en persoa, a sensibilidade da razón, a exquisitez , a experiencia sosegada, a presencia...

Saúde

I. O., agosto 015

4 comentarios:

  1. Bueno bueno bueno..., estoy felizmente impresionada, muchas gracias por plasmar y reflejar y transmitir doblemente una jornada verdaderamente única entres tantas que nos entrega el camino...

    "Una ruta al revés" que endereza apuestas caminantes...

    Un placer convivir con vosotr@s momentos que de tan válidos, nos hacen únic@s.

    ResponderEliminar
  2. Anónimo12/9/15

    Este comentario ha sido eliminado por un administrador del blog.

    ResponderEliminar
  3. La tira de Davila en el Faro de hoy (13/09/15) les sonará a algunos...
    http://www.farodevigo.es/humor

    Abrazos

    ResponderEliminar
  4. Muy "acorde" con el momento campanario vivido en esta jornada.

    Un abrazo

    ResponderEliminar