Sanfíns, entrada á substancia do tempo

Próximo reencontro en Sanfíns o 27 de xullo; non hai palabras que poidan expresar con fidelidade as sensacións que se viven alí. Moito escribín sobre este lugar que ocupa un recanto moi especial no meu corazón, e hoxe aínda ben que comezei a escribir, a medida que ía insertando as imaxes pregunteime se non sería mellor calar porque hai momentos e situacións nas que as palabras fican insuficientes ante tanto esplendor de natura; e resulta que coma conclusión a falta de un, dous textos, o segundo escrito por Manuel Gago, xoia escrita que atopei na procura de imaxes que ilustrasen o meu texto e que xurdiron vía internet. A pesar de tanta beleza falando por sí mesma finalmente pensei que as palabras tamén son importantes e teñen a súa razón de ser.


Sanfíns, tesouro agochado entre neboeiros distractores, muralla de veladas brumas que unha vez traspasadas recompensa coa exuberancia dunha terra que agocha ao pasado convertido en presente. Reunión por terceiro ano consecutivo nun tesouro natural que se haxa en Valença do Minho, terra portuguesa que linda con este outro lado, non precisamente Espanha senón a nosa preciosa e bendita terriña, Galiza.

Este ano estaba un pouco "rara" a cousa, non estaba moi claro se había ou non pateada o domingo, seica non. Nembargantes manténse esa reunión-confraternización Galaico-Minhoto nunha noite engalanada por un entorno moi especial coma é o Mosteiro de Sanfíns ofrecéndolles aos seus convidados a oportunidade de escoitar fados e poesía dende os dous lados culturáis, compartir viandas e conversas en amizade onde portugueses e galegos falan un idioma común nunha linguaxe que sae directamente dun sentimento conxunto de respecto e valorización das nosas diferenzas dende unha igualdade coma persoas, algo demasiado atractivo coma para dicir non á asistencia, que non están os tempos para rexeitar as cousas bonitas que a vida oferta. E por enriba este ano a noite rematará cunha queimada con conxuro e todo, ¡ten que ser digna a experiencia sendo o lugar nada máis e nada menos que Sanfíns!

Moito teño falado deste espazo que namora a miña alma e que nunca deixará de sorprenderme tan diferente e gratamente en cada visita; o recebemento enerxético do lugar transpórtame a outrora e consegue manter o meu corazón caldeado cun sorriso e a miña aperta disposta a dar e recibir vibracións que tan axeitadamente esperta o ambiente e perímetro de Sanfíns, lugar onde a maxia traspasa as portas da sutilidade para converterse en certeza.

Este ano había que facer reserva e seica que pagar nun posto do mercado en Valença; á disposición dos interesados ofrecían dous números de teléfono, un portugués e outro galego, evidentemente chamei ao número galego pois a miña intención era saber se podía facer as inscripcións e pagar in situ o sábado en cuestión. Cal non sería a miña sorpresa cando dende un teléfono galego ao outro lado fálame un portugués falando en galego. Reviso o número (non vaia ser que estou chamando a Portugal e eu sen enterarme) máis parece que é correcto. ¡Empeza ben a cousa, jaja!, así que esta galega remata falando en portugués, ¡tiña piada o asunto!, un portugués falando en galego e unha galega falando en portugués. Por suposto, aos dous se nos vía de lonxe o plumeiro, jajajajaa, non enganariamos a ninguén cos nosos acentos e particularidades no idioma, aínda que me pareceu un boísimo sinal diso que pretende esta xuntanza Galaico-Minhoto, confraternizar.

Será o primeiro ano que non fique a durmir. Non houbo mellor ano para iso que o primeiro xa que fiquei no mesmo entorno nunha tenda de campaña, e aínda que durmir, o que se dí durmir durmín ben pouco foi sen nengunha dúbida unha experiencia única, desas que tal vez se dan tan só unha vez. O segundo ano a estancia foi nun hotel, lembro que facía moita calor e eu sen enterarme de que tiña ao meu dispor unha piscina que por ignorancia nin usei; este ano regresarei ao meu cantiño cun toque de nostalxia pois cundía e moito saber que ao día seguinte seguían as actividades en Sanfins e que ademáis dos eventos da noite do sábado tamén se daba a oportunidade de reencontros varios co mundo camiñante xa que o domingo había pateada dende Tui ata Valença, o ano anterior incluso cruzando o Miño en barca, experiencia bonita nun día soleado e fermoso que permitía facer o percorrido coas mans sumerxidas na auga que refrescaba suores que se preparaban para rematar cun ascenso que vai agasallando natureza e recebementos con música e festa na impresionante entrada dos muros de Sanfíns.

Así que imos facer apertura á sorpresa, aos fados, á poesía, a unha cea que de momento é unha incógnita porque esquecínme de preguntarlle ao meu interlocutor portugués cal sería o menú, á queimada con conxuros, a confraternización, aos reencontros seguros, todo todo todo, alí, en Sanfíns, onde tempo e natureza fican eternamente fusionados aportándolle ao entorno ese particular ambiente que namora, seducindo aos visitantes que non poden facer máis que renderse a tan espectacular festa de harmonía na máxima expresión e manifestación de exuberante beleza.

Hai anos, a mín, como a Manuel Gago tamén me dixo alguén: "este sitio vaiche encantar". E así foi. A miña vez eu tamén levei a Sanfíns a xente do meu afecto que considerei que apreciarían o lugar, e díxenlles en todalas ocasións: "este sitio vaiche encantar". E así foi.

Que non nos falten os camiños, as súas sorpresas, os seus agarimos e as súas bondades.

S., xullo 013




*As imaxes están recollidas de internet e feitas por Sole. Engado un texto escrito por Manuel Gago, tamén recollido en internet xunto coas imaxes.
--------------------------------

Sanfins, o mosteiro perdido na frouma

 

O que hoxe vemos como selva, antes foi verxel, e antes foi monte, e antes foi xungla, e antes foi terra queimada e cultivada. As soedades dos monxes medievais non eran como nolas imaxinamos; o seu silencio estaba sempre acompasado pola auga, a xornada viña seguida polo repique das campás marcando os inflexibles tempos das reglas monásticas; hoxe sabémolo, tamén, cabo destes solitarios, desérticos, abandonados mosteiros pasaban, ás veces, no seu tempo, camiños importantes. Se cadra non os camiños reais, ou os camiños máis transitados, pero si os relevantes para aquelas comunidades monásticas.
A sensación no mosteiro de Sanfins [localización], de escuras orixes altomedievais no século VII, é a desta aparente contradición do sentimento: o abandono, a soedade, a distancia, o encontro cun mesmo; pero tamén a auga, a auga que surca canles, conducións aínda visibles, que converte estas fermosísimas ruínas de Valença do Minho nunha sorte de Xeneralife occidental e atlántico. A sombra dinámica e escorregadiza dos castiñeiros, os carballos, a enorme figueira cansa e derrubada, e sempre por atrás, o chorro, o fluxo dinámico. Por aquí, por estes carreiros acuáticos, pasaron os tempos todos.

 As ruínas de Sanfins quedarán a uns quince ou vinte minutos da fronteira galega, adentrándose nas alturas do Monte do Faro portugués. Hai que subilas, remontando a néboa, deixándoa atrás, para entrarmos nas serras nas que se agocha esta fermosura bieita de Sanfins, xoia do románico galaicoportugués. Canda a igrexa, restaurada, de enigmático pórtico que lembra a artes de tempos moito máis antigos, acompáñanse unha das mellores coleccións de canzorros e capiteis que teño visto no románico do XII. Perdan tempo aí, vanse sorprender. Miren eses leóns. A partir de aí, as ruínas son un encantador complexo con casas, lagares, muíños, cociñas, capeliñas. Busquen entre estas paredes carricentas as pequenas capeliñas que os monxes tiñan nos seus aposentos, e que nos seus tempos deberon ter bieitos e virxes diminutas, alumeadas por unha candea. Busquen arquitecturas que aínda se sosteñen, aposentos do abade, descubran a fermosísima horta conventual, onde se cultivaban as prantas mediciñais. Non lla vou describir, pero van saber que é esa cando cheguen a ela.

Pérdanse neste lugar con tempo. A visita non é percorrer as ruínas, senón observar. Tentar comprender a complexa circulación da auga que baixa destes montes, ver os estudantes xesuítas percorrer estas estancias no XIX, imaxinar os rexos batolitos picados polos canteiros e instalados aquí.
Sanfins: aquí, baixo o soño das ruínas románticas, podemos chegar a falar, de algún xeito, cos homes do pasado.
Aquí está a localización.
Grazas a Mariña, da Viñoteca de García (Tui), que un día díxome: «Este sitio vaiche encantar». E así foi.

Manuel Gago




No hay comentarios:

Publicar un comentario