Sanfíns, un ano máis

E chegou o día, ou máis ben a noite. Traspasábamos a fermosa entrada a Sanfíns cinco afectos á tardiña despóis dunha odisea estilo "S.", cousa que a ninguén lle sorprende a estas alturas, ou sexa, perdéndonos, para atoparnos de novo, sempre. Nunca tiven problemas para saír de Sanfíns, o que se dí chegar, por unhas cousas ou por outras o caso é que nunca chego polo mesmo camiño; desta vez a odisea foi das gordas, simpáticas, arrincounos risas e ata houbo algún momento que ficamos sen respirar metendo o coche por un camiño tan estreito que metía medo para rematar por unha pista en pleno monte onde a única referencia que tiña é a que teño sempre, que son quen de mirar máis alá e aínda que pareza increíble, nin sabendo moi ben cómo sempre estou ubicada.


Entrar en Sanfíns é entrar noutrora, onde o primeiro que invade é unha estraña calma, un estraño silencio e unha estraña paz, tal vez o que ten de estraño é que xa non estamos tan afeitos aos ritmos que presenta un entorno que parece ficar alleo aos nosos ritmos, e de tan xeneroso préstase gustoso e anfitrión a agasallarnos con algo que todos precisamos moito, respirar tranquilamente nun lugar que transmite calma e seguridade, onde aínda se percebe o letargo do tempo.

Este ano non atopamos a ninguén coñecido, do mundo camiñante tan só a dous amigos que coma algúns de nós non deixan de acudir á cita anual, así que de cinco pasamos a ser sete que coma todo número sempre é un bó número. Aínda que o sábado abriu ó día con chuvia contábamos con que a auga respectase a noite, como así foi, tan só unhas gotas e un pouco máis cando rematou a cea, cousa que amedrentou a algúns dos asistentes e non desanimou á maioría, que ficou estoicamente no lugar pois aínda quedaba celebración por diante.

Sanfíns estaba fermoso iluminado, todo ese verde e pedra decorado con grandes focos que ampliaban a beleza do lugar, facíase acolledor pola noite sendo sempre acolledor de por sí, é un deses lugares que se sinten felices con xente reunida e así o transmite e ao mesmo tempo agradece; a organización víase moito máis relaxada este ano, xa se sabe, a experiencia ten grados e despóis de tres anos consecutivos xa están curados de espantos, polo que parece non lle deron tanto bombo ao evento e iso permitiulles levar a cabo a súa labor cunha dose de disfrute necesaria cando se organizan as cousas.

Os aperitivos estaban moi ricos, empanada de case todo aínda que eu só comín dunha porque estaba tan boa que xa non quixen probar nada máis, aínda quentiña, xugosa e repleta por dentro, coma debe ser unha empanada. A tortilla non quedaba atrás, e o frango grelhado estupendo. Para cando chegou a cea eu xa estaba máis que ceada.

Cear ao son dos fados, uns menos melancólicos que outros, nun atrio marabilloso onde un case pode retroceder e verse ataviado de monxe ou de campesina, é unha experiencia na que se sinte, se palpa e ata se toca o privilexio. Os artistas disfrutan moito, tanto os que cantan coma os que recitan, ata os que falan coma é o caso dun dos organizadores que coma cada ano desvívese por ofrecer o mellor a quen acude a Sanfíns. Este ano éramos poucos en comparación con outros anos, máis non por iso disfrutamos menos do ambiente e da compañía. O único que lamento é non haber aguantado ata a hora da queimada e dos conxuros, colleume o frio, atopeime mal e marchamos pouco despóis da cea e dos postres, é o que ten sentir que unha vai a maior, que por idade non é que por aí había xentiña con moita máis marcha, aguante e idade do que ten ésta que escrebe.

A despedida a Sanfíns foi coma foi a entrada e coma é sempre, pedindo permiso ao entrar tocando ese gran mural de pedra e agradecendo a súa saída volvendo a tocalo como sinal de respecto. O regreso non foi nada accidentado nin con sorpresas perdidas por camiños que non sabes a onde te van levar. Deixamos primeiro a unha compañeira en Valença onde tiña o seu coche e os catro restantes seguimos ata o alto de Puxeiros onde deixaríamos aos outros dous. As dúas restantes fixemos camiño ata casa desexando chegar pois o único que me consolaba neses momentos era pensar na miña cama e poñerme en horizontal.

No recordo, a noite, unha única estrela no ceo, Sanfíns iluminado e aderezado de aromas e de cantigas, a compañía dos afectos, a respiración conxunta da amizade, algunha que outra saudade e o desexo de voltar unha vez e moitas máis a un lugar que sempre me lembra quen son e por qué é importante que o siga sendo.

S., xullo 013


No hay comentarios:

Publicar un comentario