O día en que nos convertemos en camiñantes desbrozadores





Eu saía ao caminho a probar as miñas forzas e a miña musculatura debilitada. A proposta dos amig@s Calcorreir@s era unha opción estupenda para eses menesteres, amén de que dábame a oportunidade de voltar a velos e compartir pegadas e moito máis xuntos. A zona pola que sería a pateada era ben coñecida por mín, con sombras nun día que se presentaba moi caluroso, á beira do río Barbantiño, sen dificultades cos desnivéis, longa e coa posibilidade de rematar cansa e satisfeita, sen complicacións máis que nalgún que outro tramo máis pechado pola falta de uso.


Sentíame feliz porque voltaba ao caminho despóis dun longo tempo, alomenos dous meses ou máis, porque aínda que tiven unhas cantas saídas éstas foron tan curtas e lights que botaba en falta un certo tipo de ritmo, unha certa maneira de camiñar, algo de aventura no medio e suores compartidos que falan de esforzo. Tamén pode ser que botaba en falta camiñar con alegría, con sensación de ter todalas forzas comigo, esa maneira de camiñar que me fai sentir que son poderosa e que podo chegar a onde queira.

Coma non creo nas casualidades éste roteiro tamén ofrecíanos a oportunidade de camiñalo xuntos pois dous anos atrás atopámonos no mesmo, os Calcorreir@s xantando e eu revisando o roteiro para guialo o sábado seguinte para outro grupo sendeirista que non era Nómades pois nós xa o tiñamos pateado con anterioridade.

Así que saiamos seis en dous coches dende o Alto de Puxeiros onde tres máis esperaban no punto de saída. Foi chegar e prepararnos para saír inmediatamente.

¡Empezaba ben o asunto!, ¡se querías aventura toma taza e media S.! Nada máis comezar tivemos que meternos entre silveiras facendo de desbrozadores humanos, estabamos frescos e fortes e tomámolo a risa e con boa vontade. O noso guía máis unha compañeira habían revisado o roteiro en xuño e non contaban con que medrase tanto a vexetación, ou coma nos dixo o guía, contaba con que algún camiñante máis pasase por alí dándolle a oportunidade ao camiño de seguir aberto. Pois foi ser que non, que por alí ninguén máis pasou dende que pasaron os exploradores-revisadores, e agora voltabamos a pasar nós, botando algún que outro ¡Aiii! polas picaduras das silvas ou das estrugas. -¡Alomenos teremos baños!- pensabamos algúns.....

Despóis de non poucas picaduras de silvas, estrugas e mosquitos cab.óns chegamos á fontiña, se supón que ten auga mineralizada e quente. Estabamos todos reunidos cando sentimos un ruído moi forte, non sabiamos qué sucedía, parecía o son dunha árbore facendo impacto na terra. Alá marcharon unhas cantas exploradoras Calcorreiras para ver qué sucedera, efectivamente unha árbore caiu polo camiño que acababamos de pasar, apenas un minuto despóis de que estivesemos todos reunidos na fontiña. Seguimos o noso camiño contentos, todos estabamos ben e xuntos.

As augas do Barbantiño sempre impoñen, teñen unha cor negruzca que semella sucia aínda que non é así, é pola terra que baixa coa auga perante o inverno, dándolle un fondo escuro que se reflecta na superficie, ademáis de ter zonas máis paradas que producen que a terra e a area se pousen no fondo dándolle ese aspecto; eu son partidaria de augas claras, profundidade e anchura para nadar, e visibilidade do fondo, máis non me importaba nesta ocasión, máis que desexar quería a oportunidade de refrescarme cun baño que apaciguase calores, o Barbantiño non estaba dacordo comigo ni cos compañeir@s, apenas tiña caudal, uns centímetros de auga que non chegaban nin aos nocellos; estaba visto que o Barbantiño non estaba especialmente amable nin agasallador cos camiñantes neste día. Máis nós seguiamos camiño a bo ritmo e sen protestas de máis, que xa tiñamos pasado dabondo no primeiro tramo e aínda así queixándonos o xusto pois non somos dos que protestan por calquera cousa.

Nestas vemos a un camiñante solitario que ven de fronte a nós. Páranos e pregúntanos se éste grupo é o que él espera que sexa, resulta que era un camiñante que había anunciado no foro que acudiría á pateada e que esperaría no punto de saída. Parece que houbo confusión e aparcou noutro sitio, ou máis ben os que aparcamos noutro sitio fomos nós, a confusión foi nosa, sonche as cousas da vida que non para, o guía non tiña nin idea da nova construción dun edificio anexo ao sitio de encontro e mantivo unha folla de ruta doutra saída anterior polo Barbantiño, e foi alí onde aparcamos nós. Así que de nove pasamos a ser dez facendo camiño.

Chegados a un punto muy visitado polas fervenzas bonitas que baixan con forza, unha compañeira nos anuncia que non se atopa ben e que vai a esperarnos alí mesmo porque non se sentía con forzas para seguir. A todos nos preocupou bastante porque ésta compañeira non é calquera cousa senón unha guerreira dos camiños, unha pateadora nata, unha incondicional, traballadora incansable buscando e explorando roteiros polos que levar á tropa; ¡tocóulle!, estes virus que pululan no ambiente últimamente sonche uns impresentables, non respectan a ninguén e machacan ata aos máis fortes, e non hai nada que facer máis que repousar para recuperarse o antes posible. E alí quedou a nosa amiga, non tan maliña coma para que alguén quedase con ela, era cuestión de repouso, levaba con ela lectura, comida, deixámolle auga a maiores e comprobamos que o seu teléfono tiña cobertura. A todo isto outra compañeira empezou a falar das cousas de bruxas e meigas, dicindo que a ver qué quedaba por suceder perante o percorrido pois non estaba sendo o día precisamente agarimoso con nós.....

Voltabamos a ser nove no camiño.

Continuamos río arriba cara a onde tiñamos pensado xantar, un lugar precioso, con sombras, con muiño e coa posibilidade de darnos un baño. Dicilo é doado, ¡antes había que chegar!... De novo atopamos camiño pechado de silveiras agresivas que ademáis de dificultarnos o paso o ralentizaba. De novo sentimos as picaduras bravas e aos mosquitos dispostos a atacarnos sen piedade, non se conformaban con picar na pele non, viñan atacando directamente aos ollos, co seu son chinchante e molesto aoredor das cabezas e das ourellas.

Armados de paos faciamos o que podiamos para seguir avanzando, obrigándonos a vexetación a elevalas pernas co consabido esforzo, máis alí non se escoitaba máis protesta ca de os pequenos berros de dor cando unha silva maligna nos atacaba directamente e con máis forza da que podiamos soportar calados, amén dos pinchos que se metían polas botas e que acababan cravando sí ou sí ata que nos obrigaba a descalzarnos para quitalos.

¡Toda unha odisea a que estabamos a vivir, bravos compañeir@s!, cousas coma estas son as que nos dan a categoría e a honra de ser camiñantes, saír ao camiño non é tan só patear e coñecer sitios bonitos senón vivenciar e experimentar os días que veñen acompañados de dificultades xunto coa oportunidade de sobrepasalas, porque o que queda despóis é unha satisfacción que medra e que nos anima e axuda a medrar con ela tanto en futuros camiños coma na mesma vida e no noso cotián.

Pois por fin paramos a xantar, porque chegar, chegamos. O nivel do río estaba case inexistente co cal tampouco puido ser o baño, máis compartimos con esa tranquilidade que da sentirnos xuntos na mesma aventura. Descansamos e proseguimos, desta vez o noso destino sería o bar que quedaba de camiño no medio medio da pateada, onde fariamos o regreso.

Dicir que voltamos a atravesar unha selva de silveiras é pouco dicir porque hai que pasalo para entendelo en todala súa dimensión, tivemos sorte por unha vez co tema da ausenza de auga no río porque poidemos pasar entre as súas pedras que normalmente están sumerxidas e que nesta ocasión facíanos de paso alternativo, máis non nos libramos doutro tramo traidor onde as picaduras asaltaban certeras e ferintes. Antes de chegar ao bar do pobo paramos nunha fonte que para non desentonar co día tiña un fío de auga, para compensar estaba boísima e fresquiña e algúns aproveitamos para mergullar as cabezas todas e sentir a frescura no corpo e na pele. No bar todos pedimos algo frío frío, asegurámonos de que a nosa compañeira solitaria estivese ben, e tras pasar un tempo prudencial para non camiñar ao sol abrasador a horas pouco convintes, continuamos camiño.

Breve descanso con camiño amplo e saudable, mesturándose o sol e as sombras que agradeciamos nada máis adentrarnos nelas. Tempo para conversas varias pois o camiño hoxe non deixaba moita marxe para falar, era preciso adicarlle todala nosa atención a onde poñiamos os pés, os brazos e as intencións.

Máis non remataría aí a nosa incursión nas silveiras, aínda agardarían polo noso paso. Chegado un momento alguén dixo que a ver se o Concello nos pagaba porque estabamos a facer literalmente de desbrozadoras humanas a costa do noso corpiño; houbo tamén, na chanza, quen dixo que por qué non se facía un fondo para comprar unhas desbrozadoras, ¡jaja! (¡o que faltaba!); houbo quen soubo apreciar facer camiño así, por onde non pasa ninguén, o noso esforzo estaba a abrir camiños existentes e pechados porque ninguén pasa por eles, e tampouco é cuestión de atoparnos sempre coas vías despexadas, coma sabemos esas vías acaban sendo diseños artificiáis que máis de unha vez e de dúas distorsionan a calidade dun ambiente natural, ademáis de ser zonas que acaban asfaltadas con tal de facilitar aínda máis as comodidades urbanitas, destruindo lugares con encanto e solera; xa teño vivido un antes e un despóis con determinadas rutas e queda dentro de mín un sentido decepcionante e añorante, e tamén faime sentir afortunada por haber tido a ocasión de transitar camiños "antes de" unha reestructuración que perde máis que gaña.

Tempo de parada e descanso para repoñer forzas pois unha compañeira sentíuse mal pola exesiva calor e humidade. Agradecémolo todos. Algúns baixamos ao río e mollámonos coma poidemos, ata houbo unha compañeira que nin o pensou, literalmente sentouse vestida e calzada na auga, mollou a cabeza e a camiseta e pola súa cariña de ledicia resultou boa idea, o tema alí era refrescarnos coma cada quen poidera para poder continuar entre silveiras e mosquitos ata terreo máis transitable, que como non sería o que estaba diseñado na actual ruta oficial, desentendéndose de manter un roteiro máis longo que en algún tempo pretérito sí que estaba coidado, polo menos máis coidado do que nos atopamos nós.

Regreso á fervenza onde a nosa compañeira estaba esperando cun aspecto máis recuperado e con algo máis de cor nas meixelas. Foi a miña oportunidade de baño, nunha pequena poza debaixo da fervenza na que a auga non chegaba máis arriba da cintura, algo era algo e disfrutei dun curtísimo baño no que ao fin puiden sumerxirme toda, ¡qué remanso e qué recompensa!

O que quedaba a partir de aí era camiño feito e fermoso que nos soubo a gloria bendita, a oportunidade de mirar para algo máis que por onde metíalos pés. Cansos, con desexos de rematar, a pateada foi longa e dura e sí, puxen a proba algo máis que as miñas forzas e musculatura debilitada. Aínda nos quedaría o derradeiro tramo, o único que coincidía co comezo co cal todos sabiamos que nos agardaba unha despedida pasada por pinchos. Mentres tanto eu adiqueime a disfrutar, a reconectar co camiño e coas sensacións, coa lixereza, co sentir coma o corpo respondía, coa alegría de camiñar e de ser natureza e de sorrirlle ás árbores e as plantas, de cantar por fora e por dentro e de agradecer a compañía.

Derradeiro tramo coas derradeiras forzas que cada un levaba para tal menester anunciado. Velos coches foi unha alegría inmensa, todos conscientes de que éste foi un día digno dignísimo, de esforzo, de amor ao camiño e a actividade que nos une.

Tras asearnos coas típicas e socorridas toalliñas húmidas, de quitarnos algún que outro pincho e de mudarnos de roupa fomos directamente ao primeiro bar para repoñer líquidos e moito máis; para esas alturas eu xa estaba medio en off, aínda quedaba máis de unha hora de regreso rozando o lusco fusco, a hora máxica, como máxico foi este encontro que por enriba de todalas dificultades sobresae o compañerismo, a solidaridade e os afectos.

Que non nos falten os camiños que tanto nos aportan e tanto nos ensinan.

Ata vernos noutra aventura, compañeir@s, pola miña parte o desexo de que non sexa tan cedo en canto a silveiras, estrugas, algún que outro toxo e mosquitos chinchóns (por non dicir cab.óns), ¡jaja!

Sempre gustosa da vosa compañía, aquí para vós, o meu afecto.


S., agosto 013

No hay comentarios:

Publicar un comentario