Unha que camiña

                                                 Xenerosidade da terra
A creación dalgunhas crónicas, non sei por qué, destacan no sentimento cun toque especial sobre outras. Non sei se ten que ver cun estado de ánimo sentido ou cunha tarde de choiva fría mentres sinto os pes enfundados nuns calcetíns quentiños, o certo é que de toda-las oportunidades que foi ofertando o día a oportunidade agora é para recrearme na lembranza dunha xornada sendo Caminhante con e entre os Caminhantes.


Segunda pateada do ano para mín, seica volvo a acadar no mega ranking de cadradiños o cadradiño verde 31; digamos que impórtanme máis outro tipo de rankings e que non deixa de importarme saber que sigo na primeira páxina alá polo medio, cadradiño arriba cadradiño abaixo.

Impórtame un tipo de espírito entre xentiña á que lle teño afecto e coa que compartín un pouco de todo ao longo de anos; impórtame esa clase de xente coa que aínda que non te relacionas a miudo miudiño sae o miudo miudiño en cada oportunidade de voltar a compartir.

Chegaba puntual ao alto de Puxeiros e enseguida nos puxemos de acordo en cómo organizabamos os coches para desprazarnos ao punto de saída, onde estaría agardando a maioría. Xuntámonos 21 que máis tarde pasarían a ser 23 con dous Caminhantes retardados por problemas técnicos co reloxo despertador. O primeiro que me aconteceu ao baixar do coche e tralos primeiros saúdos foi ver unhas mans que puñan diante de mín unha caixa de madeira cunhas marabillosas mazás vermellas que dicían: ¡Cólleme e cómeme!
                                                            Na retaguardia
Se algo caracteriza e admiro dos Caminhantes é esa importancia primixenia que lle dan a actividade que nos ocupa, o sendeirismo. Enseguida comezamos a camiñar, estaba desexando facer pasos, poñer un pé tralo outro, facer do camiño un contínuo mentres saboreaba ademáis dunha mazá as primeiras horas da mañá sabendo moi interiormente que a cousa prometía longa, a bo ritmo e tamén sosegada, un binomio que non é tan doado de acadar e que soe agochar detrás dese agasallo camiñante unha labor concienzuda e responsable coma foi a do guía. A asistencia é importante, ou máis ben "o tipo" de asistencia, camiñantes que saen a camiñar porque aman camiñar, se ademáis se complementa cun desexo de compartir no que o humor está presente, os ánimos relaxados e a compracencia de sentirse entre amigos, qué máis se podería pedir.

Soe ser complicado que se reúnan 23 persoas e que un poida falar aínda que sexa un chisquiño con todas máis desta vez quixo o ánimo que andivese lixeira e que poidese falar polo menos coa gran maioría, e creo que iso foi debido a que o grupo, a pesares de ser 23 persoas, mantívose en todo momento homoxéneo, iso de todos con todos eche unha grande cousa, si señor.

Houbo de todo un pouco e máis tamén. Un día óptimo para camiñar, cun frescor mañaneiro que xa anuncia friaxes vindeiras, cun chisquiño de sol que invitaba a cobixarse nos seus raios preguiceiros. Houbo ofertas varias de froitos ao longo de todo o camiño, círculos e zig-zags que deixan ao camiñante coa sensación de que non podería repetir o roteiro sen voltar a ser guiado por él; houbo tramos de camiño compartido co ambiente cazador e con cans que máis parecía que se lles deixasen elexir escollerían a compaña da tropa Caminhante. Houbo auga e río, pozas e pequenas fervenzas que se lucían grandes, bosque e aves, e risos tenues entremedias. Houbo camaradería, anuncios varios, foto de grupo, resbalóns, caídas, mans que axudaron a cruzar ao outro lado e árbores polas que facer equilibrios e xogar a ser trapecistas.

                                                      Voando pola terra
Alfombras de castañas transportando á terra meiga e alto para o que camiña facendo colleita. Baños en auga fría, conversa cunha mulleriña da terra, cumpleanos feliz e por haber ata houbo un Caminhante digno literalmente arrastrado pola terra entre a picaresca dos compañeiros. Momentos de chucherías doces, de bicos doces e de doces apertas.

Voltaría a repetir este roteiro segura das boas entregas.

Remate no bar de turno, o primeiro a man. Despedida ata a próxima e regreso canso e satisfeito.

Unha máis no noso haber, Caminhantes. Grazas polas vosas presentes presenzas.
                                       Sorriso integral
S., outubro 013


No hay comentarios:

Publicar un comentario